lunes, 9 de enero de 2017

CONSUMO DE LEITE, SI OU NON?

Na actualidade, un dos temas máis polémicos no mundo da nutrición e dietética é a controversia xerada arredor dos beneficios ou prexuízos que pode ter o leite para o consumo humano. Para poder chegar a unha conclusión é necesario facer un breve percorrido mergullándonos en estudos sobre alimentación e analizando todo o que o leite nos aporta cando o consumimos.

Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura), a inxestión de leite proporciona os nutrientes necesarios, sendo así unha fonte importante de enerxía, graxas e proteínas de alta calidade. Ademais, tamén nos aporta calcio, magnesio, selenio, riboflavina, vitamina B12 e ácido pantoténico. Tendo isto en conta, non é de estrañar que sexa este un dos motivos que xustifican que a función do leite sexa a de alimentar ao tenreiro nas primeiras etapas da vida, ao igual que ocorre cos outros mamíferos, cuxas femias usan o seu leite para alimentar as crías ata que son capaces de dixerir outros alimentos.

Segundo datos do Ministerio de Agricultura, o consumo de leite en España diminúe nos últimos anos. No ano 2000, a inxesta de leite estaba en 97.3 litros por habitante. Actualmente esta cifra segue baixando, estando en torno a 73 litros por persoa.

É imprescindible tomar leite?
En moitas ocasións, escoitamos que é necesario o consumo de leite debido á cantidade de calcio que contén, necesario para o crecemento e fortalecemento dos ósos. Mais, realmente isto non é así, xa que podemos atopar calcio noutros alimentos como froitos secos, legumes, semillas ou verduras. Con isto, podemos dicir que o leite e os seus derivados non son imprescindibles na nosa dieta polo que non é obrigatorio o seu consumo. Pola contra, si cómpre mencionar que a biodispoñibilidade de calcio nos lácteos é maior que a presente nos alimentos de orixe vexetal.

Por outra banda, tamén escoitamos a miúdo dicir que os humanos somos os únicos mamíferos que consumimos leite doutro animal e seguimos a facelo na idade adulta. Se nos detemos a pensar, poderemos afirmar que o ser humano fai infinidade de cousas que non fan os outros animais debido a que temos un cerebro que nos permite pensar para poder aproveitar ao máximo o que a natureza nos proporciona.

 Mellor leite sen lactosa? 
Últimamente os medios de comunicación están invadidos por anuncios de leite e derivados lácteos sin lactosa con lemas como "Toma leche sin lactosa y siéntete ligera" que van dirixidos tanto a intolerantes á lactosa como á poboación en xeral, polo que isto pode dar lugar a confusións. Por tanto, con respeto a isto cabe dicir que se nos senta ben o leite é innecesario cambiar a este tipo de lácteos. É máis, se o eliminamos da nosa alimentación, diminúe a produción de lactasa no intestino delgado dando lugar así a unha peor asimilación que se inxerimos lácteos con lactosa, ao cabo do tempo.

Asociación entre consumo de leite e cancro.
Existen estudos onde semella mostrarse unha relación entre o consumo de leite e o padecemento de cancro. Pola contra, é moi difícil establecer unha relación de causalidade xa que esta asociación está baseada en estudos observacionais. Por outra banda, o que si existe son estudos que relacionan a prevención dalgúns tipos de cancro como poden ser o de vexiga e o colorrectal co consumo de lácteos, así como outros que relacionan o seu consumo co aumento de cancro de próstata, por exemplo.

Tanto o risco como a prevención son relativos xa que unha inxesta razoable (dúas racións de lácteos ao día) é considerada saudable dentro dunha dieta. Ademais, esta relación entre o consumo de lácteos e o risco que parece supoñer para algúns tipos de cancro pode ser debida a complementos que se toman co leite como o azucre, galletas, etc. Guías como a de Heathy Plate de Harvard, limitan o consumo de lácteos a non máis de dúas racións diarias.

Conclusión
En canto á relación que se establece entre o consumo de leite e a aparición de enfermidades cómpre salientar que é moi difícil coñecer que parte ou porcentaxe é debida ao consumo de leite e cal á ausencia de alimentos saudables.

Polo tanto, consumo de leite si ou non?
O feito de que sexa, como vimos, un alimento prescindible non quere decir que haxa que eliminalo da nosa dieta. Hai outros factores como a sustentabilidade ou a ética, que levan a algunhas persoas a decidir non consumir este alimento. Do mesmo xeito, como se mencionou con anterioriodade, hai quen considera o consumo de leite despois do periodo de lactancia contranatural, e condena así o seu consumo. Sexa cal sexa a causa, é importante non deixarnos influír por publicidades nin por modas, sempre debemos de mirar se existe evidencia científica. Polo tanto, para finalizar, se consumes ou consumiches leite e non tes alerxias nin intolerancias non tes motivos para deixar de consumilo.

Bibliografía:
- Aune, D., Rosenblatt, D. A. N., Chan, D. S., Vieira, A, R., Vieira, R., Greenwood, D. C., Norat, T. (20015). Dairy products, calcium, and prostate cancer risk: a systematic review and metanalysis of cohort studies. The American Journal of Clinical Nutrition, ajcn.067157.

- Chan, D. S. M., Lau, R., Aune, D., Vieira, R., Greenwood, D. C, Kampman, E., & Norat, T. (2011). Red and processed meat and colorectal cancer incidence: metaanalysis of prospective studies. Plos One, 6 (6), e20456.

- Consejo para la Información sobre Seguridad de Alimentos y Nutrición. Leche de vaca: lo que dice la ciencia. http://www.cisan.org.ar/articulo_ampliado.php?id=153&hash=4d55f0322f106f45823e0 04bd5d0cfd6

- Fuchs, L. (2014). Nuevo estudio reabre el debate de la leche: ¿beneficia o perjudica la salud? Directo al paladar. https://www.directoalpaladar.com/salud/nuevo-estudioreabre-el-debate-sobre-la-leche-beneficia-o-perjudica-la-salud

- Jiménez, L. (2013). ¿Son la leche y los lácteos saludables? Lo que dice la ciencia para adelgazar. http://loquedicelacienciaparadelgazar.blogspot.com.es/2013/01/son-la-lechey-los-lacteos-saludables.

- Jarque, J. (2011). A favor o en contra de la leche. La Vanguardia. http://www.lavanguardia.com/estilos-de-vida/20111021/54232206480/a-favor-o-encontra-de-la-leche.html

- Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura. (2015). Tema de debate: el papel de la leche y de los productos lácteos en la nutrición humana. http://www.fao.org/zhc/detail-events/es/c/288538/

- Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura. Producción y productos lácteos. http://www.fao.org/agriculture/dairy-gateway/leche-y-productoslacteos/composicion-de-la-leche/es/#.WGX8lNLhBhF

- Spuch, C., (2015). Tras la mala fama de la leche hay interés económico. La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/mazaricos/2015/11/27/tras-malafama-leche-interes-economico/0003_201511C27C7996.htm

Antía Pérez Vázquez, Graduada en Nutrición Humana e Dietética. Nº Colexiada Ga00082

No hay comentarios:

Publicar un comentario